Curiosidades e preguntas habituais dos clientes, sobre nós e sobre o noso pan

Deixámosvos por aquí resposta a algunhas preguntas que nos facedes habitualmente e que, de seguro, vos pode gustar ler.

Cal é a receita do que moita xente do pobo denomina “o mellor pan”? Tedes un documento segredo coma a fórmula da Coca-cola?

Non cremos nas casualidades. Non temos trucos e tampouco hai demasiados segredos. A única receita infalible para conseguir o mellor pan é a seguinte:

  • empregar os mellores ingredientes naturais e sen aditivos e amasalos con calma,
  • deixar que a masa nai faga a súa maxia,
  • cocer en fornos de leña e con leña de carballo, como se fixo toda a vida, e
  • levantarse con noite todos os días!

E isto é o que levamos facendo durante os últimos 30 anos para que os nosos clientes poidan desfrutar de pan, empanadas e doces artesanais, coma os de toda a vida.

Por que non sempre o voso pan está igual de cocido?

Pois moi sinxelo. Non temos interruptor! Os fornos de leña aportan ao pan un sabor e feitura inconfundible pero tamén teñen algunhas desventaxas, se se poden denominar así, e por iso ás veces as fornadas saen máis cocidas e outras menos: porque son procesos 100% artesanais e xenuinos. Aínda que sempre temos pan máis cocido e pan menos cocido para contentar a todos os gustos, as nosas fornadas son coma as da casa, con leña e paciencia, así que… a falta de homoxeneidade nas nosas pezas de pan é un prezo que estamos dispostos a pagar.

Que produtos, ademais do pan, tedes na panadería?

Ademais de pan temos empanadas grandes, medianas, medias e zocas (empanadas individuais) con diferentes recheos: carne, atún, touciño, zorza, bacallau, sardiñas… e tamén bolos preñados.

Tamén temos a diario asados, como codillo e polo e, entre os doces artesanais atoparás o noso roscón, as galletas de améndoas ou as napolitanas e croisants

Cantos tipos de pan facedes a diario?

Ademais das barras (pequenas, grandes e boliños) e baguetees que podemos dicir que son o noso produto estrela, facemos a diario: bolo de trigo do país (mediano e grande), rosca e bolo de centeo.

Onde atopar pan da Panadería Caldas ademais de na propia panadería?

Actualmente podedes atoparnos en: Eroski Center Sarria, Gadis Sarria, Monforte e Lugo, en Azafrán Delicatessen en Sarria. E por suposto, nun montón de restaurantes e bares da contorna.

Publicacións similares

Deixa unha resposta